“Pois isto era o que andaba
buscando Gonzalo pola Rúa de San Pedro naquela noite; isto era o que o facía andar rondando
de arriba para abaixo, agardando á súa víctima. O seu plan era pispia-lo momento en que
Rodrigo aparecese co seu farol pola porta da cidade e torcese para a rúa de Bonaval; botarse de
carreira polo primeiro calexón da esquerda, atravesa-la rúa do Medio, saltar xunto á Cruz do
Home Santo, parapetarse contra a casa da esquina, esperalo alí e espetarlle a espada ata o
cabo. Dispois rispábase pola rúa do Medio, ata chegar á casa dun caseiro que tiña seu amo no
Picho da Cerca.”
A tecedeira de Bonaval, Antonio López Ferreiro, 1894
A tecedeira de Bonaval, Antonio López Ferreiro, 1894
“O 13 de xullo aparece nas nosas
costas a armada francesa, composta de vintecinco naos ben armadas e equipadas.
Veu percorrendo tódolos nosos portos e saqueando o que encontraba á man.
Fondeou entre Muros e Fisterra e, entre outras falcatruadas nesta última vila,
por non deixar nada atrás ata arramplou con tódalas mantas que había no
Hospital, facendo o propio noutros portos. O peor foi cando puxo en terra
toda a xente de armas, que pasaba de catro
mil homes, mentres en toda Galicia a penas había soldados que poidesen chamarse
tales, polos poucos e mal armados que, en xeral, estaban. Causou isto tal alarma
que nin no mesmo Santiago se encontraban por seguros da invasión. Ó conde de
Castro todo se lle volvía mandar avisos e máis avisos a D. Álvaro de Bazán que,
no intre en que estaba fóra o Emperador, quedara por Capitán Xeral do mar Océano,
e á sazón achábase en Laredo arrombando unha escuadra para mandar a Flandes.
Colleu D. Álvaro con
vintecatro naos que lle quedaran, e o 18 de xullo virou a proa en dirección ás
costas de Galicia. Daba gloria o ver con que pompa as nosas naos sucaban
a extensa saba das augas.
Ó amencer do día 25 deu vista
a nosa armada á vila de Fisterra. A inimiga achábase diante de Muros dispoñéndose
a saquea-lo porto se non lle aprontaban os doce mil ducados que pedían. Os muradáns
xa ofrecían oito mil, pero nisto descóbrense as dúas escuadras e o descubrirse
e dispoñerse ó combate todo foi un. Aquilo non foi combate, foi unha manda de
raios que caeu sobre as naos francesas e as desbaratou aínda non en dúas horas.
[…]
A primeira cousa en que
pensou o Marqués de Santa Cruz, despois da batalla, foi vir a Santiago darlle
gracias ó Apóstolo por aquela tan gran victoria gañada no seu día.”
A tecedeira de Bonaval, Antonio López Ferreiro, 1894.
Ningún comentario:
Publicar un comentario