“Ao pé da serra de Corno de
Boi, preto do lugar de Sacel, nace de humilde orixe o río Pambre, o cal
rodeando o Castro das Seixas, centro das fechorías de Vasco Gomez, corre de
Nordés a Sudoeste regando pola dereita as parroquias de Moredo, Felpós,
Carballal, Cuíña, Viña ou Ambreixo, Mato, Remonde e San Breixo, e pola esquerda
as de Morlán, Ulloa, Maceda, Laia, Quindimil, Meixide, Camiño, Curbián e
Pambre, ata que despois dunha carreira dunhas catro leguas pouco máis abaixo da
ponte da Mácora vese atallado polo Ulla que lle barre as súas augas.”
E nefeuto, ao alborexar a
aurora do terceiro día, despois da queima do pazo do Vilar, nun monte que
estaba preto da igrexa de Pambre e para
alá do río, achábanse reunidos cerca de mil homes, que todos eran do Ulla para
arriba. Á mesma hora, noutro monte da parroquia de San Xusto de Repostería,
estaban xuntos os homes que mandara Álvaro Páez co recado de que logo chegaría el
con máis. Serían por todos trescentos homes de a pé e vinte de a cabalo. Con
eles estaban tamén os de Camba e os de Deza, que habían de ser uns douscentos
ou algo máis. Postos de acordo uns cos outros, botaron a andar todos a un tempo
cara a Curbián.
O castelo de Curbián era
forte e recio e estaba ben fornecido. Erguíase ufano e provocativo como o
fornido campeón que ao seu arredor non ve quen lla poida empatar, no curuto dun
empinado couto que estaba na marxe esquerda do Pambre. O sitio era mimoso e
ameno, cuberto de asombrosos castiñeiros, alfombrado cunhas vizosas herbeiras,
que cos seus verdes, pomposos e arremuiñados mechóns refrescaban e embalsamaban
o aire.”
O castelo de Pambre, Antonio López Ferreiro, 1895.
Ningún comentario:
Publicar un comentario