12/09/13

A GALICIA PONDALIÁ I



Feros corvos de Xallas,
que vagantes andás:
en salvaxe compaña,
sen hoxe nin mañán;
¡quen poidera ser voso compañeiro,
pola granda longal!

Algo de vago e fero,
do meu ser no profundo
eu levo, como as brétomas
dos curutos escuros;
e unha ruda e salvaxe
inclinación dos seres vagamundos.

Algo do rudo vento
que azouta o cabo Ougal;
do salvaxe miñato,
que leva o vento soán;
¡e con nobre ufanía,
o esquivo mato rexistrando vai!

Algo das vagas brétomas,
algo das uces altas,
algo dos libres corzos,
e das feras bandadas
dos corvos vagamundos,
que se espallan de Xallas polas grandas.

Queixumes dos pinos (1886)



De Camelle os baixos son
mui garridos ó mirar,
nun día claro de inverno
cando o vento en calma está:
o pescador desde lonxe,
con doce e secreto afán,
de bruzos sobre da proa
os está vendo branquear.

Queixumes dos pinos (1886)



Ningún comentario:

Publicar un comentario